A Asociación Veciñal Río Sarela de San Lourenzo e Carme de Abaixo retoma a programación de actividades a partir do luns, 1 de outubro, no centro social da Carballeira de San Lourenzo. Para este curso, ademais das actividades que xa viñamos organizando, promovemos clases de apoio para o alumnado escolarizado, baile galego e zumba, como principais novidades respecto do ano pasado.

Polo momento seguimos á espera de que o Concello confirme os horarios para as actividades de lecer para nenos e nenas, que se viñan celebrando os xoves e sábados, e máis os horarios das clases de ximnasia terapéutica e informática. Dende o Concello informaron que levan un pouco de retraso na programación das actividades debido ao cambio da empresa que xestiona os centros socioculturais. Dende a Asociación Río Sarela informaremos en canto haxa novidades.

Entre tanto, si podemos dar a coñecer os horarios das actividades que promovemos dende a Asociación que son as seguintes para o curso 2018-2019:

  • Baile Contemporáneo: mércores (20.00 a 22.00) e sábados (11.00 a 14.00)
  • Baile Galego para adultos: mércores (19.00 a 20.00)
  • Claqué: martes (16.00 a 19.00)
  • Clases de apoio: luns e mércores (16.00 a 17.00)
  • Encaixe: venres (16.30 a 17.30)
  • Ilustración & Escultura: venres (16.00 a 18.00)
  • Informática: venres (19.00 a 20.00)
  • Inglés: xoves (10.00 a 12.00)
  • Ioga: luns (21.00 a 22.00)
  • Música tradicional: luns (20.00 a 21.00)
  • Pilates: mércores (17.30 a 18.30) e venres (18.15 a 19.15)
  • Zumba: venres (19.30 a 20.30)

Fora destes horarios, os espazos do centro cívico están a disposición da veciñanza para ensaios, reunións e outras actividades. Só é necesario solicitarlle á directiva a reserva de espazos.

A aula de informática está dispoñible polas mañás para as persoas que precisen realizar traballos para os que se precise un ordenador ou consultar información na internet.

En función da demanda, está previsto organizar máis clases de apoio para os nenos e nenas do barrio. Durante o mes de outubro iremos retomando as clases de adestramento de cans con Yago.

Podes contactar coa Xunta Directiva de Río Sarela a través do formulario de contacto desta web (preme aquí) ou chamando por teléfono ao 609 809 031.

O horario de oficina segue sendo os martes e xoves de 11.00 a 13.00 horas.