A Asociación Veciñal Río Sarela está a preparar a Festa de San Xoán que, ademais da tradicional cacharela, este ano contará tamén con churrasco e boa música a partir das oito da tarde do vindeiro sábado, 23 de xuño. Para a organización desta festa, a Asociación conta coa colaboración do Concello de Santiago.

A directiva da Asociación Río Sarela contactou este ano con Pulpería García para o suministro do material. Prepararemos churrasco e criollos para todos os asistentes a unha festa aberta a toda a veciñanza. Os socios de Río Sarela que estean ao corrente no pago da cuota anual poderán recoller de forma gratuíta 2 tickets para degustar dúas racións de churrasco con chourizo criollo e pan, ademais de viño do país. Os socios deberán retirar os vales o mesmo día da festa no punto habilitado para elo na Carballeira de San Lourenzo.

Os prezos establecidos este ano son de 5 euros a ración de churrasco, que irá acompañada de medio chourizo criollo, pan e un vaso de viño do país. O choripán (chourizo con pan) custará 2 euros, e os refrescos e cervexas poderán beberse por 1 euro. Os vales poderán retirarse na mesma carballeira a partir das oito do serán.

Durante a velada Jakobsland montará un posto de cervexa artesán para os amantes deste produto, que se venderá de forma independente aos vales da asociación.

Os da Porfíae Ukestra do Medioserán os encargados de animar a velada, que contará coa queima da cacharela como outro dos atractivos desta festa típica.