O presidente da Asociación Veciñal Río Sarela, Jon Brokenbrow, solicitoulle esta mañá ao alcalde de Santiago, Martiño Noriega, solucións ao masivo tráfico rodado que pasa polo barrio de San Lourenzo, entre as que lle propuxo a colocación de semáforos ou unha rotonda na zona, e tamén a substitución dos perigosos bolardos da rúa Poza de Bar. Jon Brokenbrow trasladou a boa sintonía da reunión e que o alcalde comparte algunhas das demandas feitas pola Asociación Veciñal. Martiño Noriega recoñeceu as carencias do barrio e adiantou que xa están licitadas as obras de mellora do paseo fluvial do río Sarela.

O excesivo volume de tráfico que soporta o barrio de San Lourenzo e Carme de Abaixo, un dos puntos de entrada e saída dos coches da cidade, foi un dos temas abordados na reunión de hoxe, a primeira que a nova directiva da asociación mantén no Concello. Martiño Noriega comprometeuse a prestar especial atención á zona de Poza de Bar, onde se atopa o colexio Pío XII e o instituto Xelmirez II, o que incrementa o número de coches en horas de entrada e saída dos centros escolares. A substitución dos bolardos de Poza de Bar por outros non agresivos e visíbeis foi outra das petición ao alcalde.

Martiño Noriega adiantou que o Concello vai colocar pasos de cebra elevados na zona, o que facilitará a mobilidade da veciñanza e, ao mesmo tempo, obrigará aos condutores a reducir a velocidade.

Na reunión, á que asistiron ademais de Jon Brokenbrow, o vicepresidente da asociación, Fernando Peleteiro, e a vogal María Torre, tamén se abordou o tema do exceso de ruído, sobre todo cando se organizan concertos ou espectáculos nocturnos, e os causados por grupos marxinais presentes no barrio e que están a causar problemas de convivencia coa veciñanza.

A falta de limpeza da carballeira, e evitar que a mesma se use como aparcadoiro nos días de festa foron outras das reclamacións da Asociación. O alcalde comprometeuse a buscar unha solucións para estes dous problemas, e adiantou que non se vai permitir que os coches utilicen este espazo para aparcar xa o vindeiro ano.

A mellora do centro cívico de San Lourenzo, actual local social da asociación veciñal, foi outra das peticións formuladas pola xunta directiva. O local, no seu día parte do colexio Raíña Fabiola antes do traslado do mesmo, necesita unha reforma para mellorar a súa eficiencia enerxética. Martiño Noriega comprometeuse a acometer melloras estruturais para conseguir este obxectivo.

El Correo Gallego publicou esta nota o 12-12-2017. Ver neste enlace

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies