O concelleiro de Medio Ambiente, Convivencia e Informática de Santiago, Xan Duro, percorreu o venres, 12 de xaneiro, o barrio de San Lourenzo acompañado polo presidente da Asociación Veciñal Río Sarela, Jon Brokenbrow, e varios vogais. Xan Duro puido coñecer de primeira man algúns dos temas máis conflitivos do barrio, que xa lle foron expostos ao alcalde, Martiño Noriega, na reunión mantida o pasado mes de decembro coa directiva de Río Sarela. Ademais dos problemas de tráfico, dende Río Sarela insisteuselle ao concelleiro na necesidade de cortar os eucaliptos e retirar as ‘pedras colgantes’ da Corredoira do Muiños, polo perigo que supoñen na zona.

A visita empezou na rúa Poza de Bar, onde o concello ten previsto empezar obras para elevar os pasos de peóns a finais deste mes, coa intención de mellorar a seguridade dos viandantes e reducir a velocidade do tráfico rodado.

Unha das exixencias da Asociación Veciñal Río Sarela é a mellora de todos os aspectos desta rúa, incluíndo a reposición das bolardos que faltan e a substitución dos mesmos por outros menos perigosos, aínda que Xan Duro adiantou que a substitución non será posible a curto prazo por falta de fondos.

O presidente de Río Sarela, Jon Brokenbrow, xa está en contacto coa asociación de pais e nais do colexio Pio XII para buscar unha solución aos problemas de seguridade para o alumnado que provocan o estacionamento indebido de moitos vehículos á hora de entrada e saída neste colexio.

Dende a Asociación Río Sarela agradecémoslle a Xan Duro que o concello atendese en tan pouco tempo a nosa petición para rozar e limpar as beirarrúas na Corredoira dos Muíños, rúa das Barreiras, Ribeira de San Lourenzo e Rueiriño de Figueiriñas, que lle reclamáramos ao alcalde no mes de decembro. Pero, ao mesmo tempo, insistimos na necesidade de que se recollan os restos de maleza despois de rozar, xa que esta ocupa parte destas rúas e dificulta o paso de peóns.

A directiva da asociación tamén lle solicitou ao concelleiro que se tomen medidas para cortar os eucaliptos e retirar as pedras ‘colgantes’ da Corredoira dos Muíños, ao entender que supoñen un perigo tanto para os peóns como para os automobilistas que pasan por esta rúa.

Tamén se trasladamos a Xan Duro a situación cos ‘okupas’ conflitivos na leira de Harguindey e nas casetas de Otero Pombo.