A Asociación de Veciños Río Sarela aprobou onte por unanimidade na Asemblea Xeral ordinaria celebrada este sábado as contas anuais e a memoria de actividades de 2018, así como a remodelación da Xunta Directiva, na que Vicente Mandado ocupará o cargo de tesoureiro, unha vez que Juan Martínez e Alfonso Castelao optaron por non presentarse a reelección, aínda que amosaron a súa intención de seguir colaborando coa Asociación.

Vicente Mandado

A Xunta Directiva da Asociación Veciñal Río Sarela sigue presidida por Jon Brokenbrow, e queda formada por Fernando Peleteiro (vicepresidente), Ángel Lado (secretario), Vicente Mandado (tesoureiro), e María Torre, Ángel Carreira e Álvaro García como vogais.

Os socios aprobaron onte por unanimidade a memoria de actividades e as contas anuais correspondentes ao exercicio 2018, documentos que se poden consultar no apartado de transparencia da web.

Na memoria do 2018, Jon Brokenbrow recordou as actividades que se están a organizar no local social, promovidas pola Asociación ou polo Concello, así como as reunións que durante o pasado exercicio mantivo a directiva cos representantes municipais para solucionar os principais problemas do barrio.

No apartado económico, a Asemblea aprobou por unanimidade as contas do 2018, exercicio durante o cal Río Sarela conseguiu uns ingresos de 6.131 euros e uns gastos de 4.132, cun beneficio de 1.999 euros que se destinan a reservas voluntarias.

Para o presente exercicio económico, a Asemblea aprobou un orzamento que ascende a 5.200 euros. Nas actividades previstas para este ano, os socios aprobaron por unanimidade manter as festas e San Xoán, a do magosto e a do Nadal, así como colaborar na organización dun xantar de confraternidade entre os veciños do barrio, vivan ou non nel nestes intres.

O presidente Jon Brokenbrow lembrou durante a Asemblea os cursos e actividades que está a organizar a Asociación no seu local social, e animou a toda a veciñanza a participar nos mesmos.

Brokenbrow animou a toda a veciñanza a que trasladen á Xunta Directiva da Asociación as súas inquedanzas e propostas de mellora para o barrio, para poder acometer aquelas accións que redunden en beneficio de todos. Tamén animou a todas as familias residentes no barrio a facerse socios da Asociación RÍO SARELA. Para facerte socio da Asociación Veciñal RÍO SARELA podes cubrir o boletín que se atopa neste enlace, e remitilo por correo electrónico a Asociación ou achegarte ata o local social, situado na rúa da Carballeira de San Lourenzo, 2, e entregar ou cumprimentar alí a documentación.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies