A Asociación Veciñal Río Sarela está a preparar a Festa de San Xoán que, ademais da tradicional cacharela, este ano contará con churrasco e boa música a partir das oito da tarde do vindeiro domingo, 23 de xuño.

A directiva da Asociación Río Sarela volve a contar este ano coa Pulpería García, que será a encargada de preparar o churrasco e os criollos para todos os asistentes a unha festa aberta a toda a veciñanza.

Os socios de Río Sarela que estean ao corrente no pago da cuota anual poderán recoller de forma gratuíta 2 tickets para poder degustar dúas racións de churrasco con chorizo criollo e pan, ademais de viño do país. Os socios deberán retirar os vales o mesmo día da festa no punto habilitado para elo na Carballeira de San Lourenzo.

Os prezos establecidos este ano, igual co ano pasado, son de 5 euros a ración de churrasco, que irá acompañada de medio chorizo criollo, pan e un vaso de viño do país. O choripán (chourizo con pan) custará 2 euros, e os refrescos e cervexas poderán beberse por 1 euro.

Durante a velada Jakobsland montará un posto de cervexa artesana, e tamén haberá comida vexetariana. Os da Porfía e o noso grupo de música tradicional serán os encargados de animar a velada, que contará coa queima da cacharela como outro dos atractivos desta festa típica.