Para o uso dos CSC durante o curso que ven hai unha serie de protocolos que establecemos dende a rede de CSC. Todos os usos de local teñen que solicitarse con antelación, ata agora era de 15 días, pero neste momento rogamos que se faga coa maior antelación posible, para a valoración específica de cada unha das solicitudes.

Na solicitude debe figurar:

  • Horario da actividade
  • Sala ou salas das que se fará uso
  • Número de prazas máximas para a actividade (as prazas deben garantir a distancia requerida polas autoridades sanitarias no momento da solicitude)

O concello revisará todas as solicitudes e pode variar o número de prazas dispoñibles no caso de que as medidas non cumplan o establecido, ou incluso denegar o uso dos espazos. Unha vez aprobado o uso da sala a entidade solicitante terá que achegar a listaxe con todos os datos de contacto de todas as persoas participantes, con DNI e datos de contacto (enderezo e tlf) e comunicar todas as alteracións da lista durante o desenvolvemento da actividade.

Entre cada actividade que se realice, a entidade comprométese a limpar e desinfectar as salas utilizadas, polo que debe establecer un tempo para ese proceso no caso de facer varias actividades para diferentes grupos na mesma xornada ( É dicir, non poden encadearse actividades con diferentes grupos en horarios continuados).

No caso de que algunha persoa participante relate síntomas ou sexa diagnosticada de COVID-19, a entidade debe comunicalo inmediatamente, tanto ao concello como a todas as persoas usuarias, para que as autoridades sanitarias establezan os protocolos adecuados.